Tuesday 07 de May de 2024

O Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas convocan o VI Premio Laudamuco para Textos Teatrais


Poden optar ao galardón teatral de maior dotación económica en Galicia (7.000€ e edición da obra) autores/as que presenten unha obra dramática inédita en galego antes do 2 de febreiro de 2024

O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, convoca o VI Premio Laudamuco para Textos Teatrais, o galardón teatral de maior dotación económica en Galicia: 7.000 euros e edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas. O alcalde brionés, Pablo Lago, explica que “coa convocatoria do Laudamuco pretendemos estimular e apoiar a creación dramática en galego e contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura”.

De feito, o premio toma o seu nome en homenaxe a Laudamuco, señor de ningures, obra de Vidal Bolaño estreada o 16 de maio de 1978 e que está considerada como o inicio da singradura profesional do teatro galego. Poderán optar ao galardón todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra serán libres e o prazo de admisión de orixinais, que deberán presentarse en formato dixital, rematará ás 23:00 horas do 2 de febreiro de 2024.

Presentación de orixinais

Para participar, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a premiolaudamuco@concellodebrion.gal, indicando no “Asunto” o texto “VI Premio Laudamuco” e anexando dous arquivos: o texto da obra coa que se concursa en formato PDF (que levará o seguinte nome: “Título da obra e pseudónimo ou lema elixido”, e non poderá conter ningunha clase de sinatura ou identificación da autoría) e unha plica en PDF (co nome: “Plica. Título e pseudónimo ou lema elixido” e que conteña os seguintes datos: título, pseudónimo, lema e datos da autoría como nome completo, DNI, móbil, teléfonos, mail, breve currículo).

O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral, proposto pola Academia Galega de Teatro. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes. Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a súa resolución, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público que terá lugar na terceira semana do mes de abril. O veredicto do xurado, que poderá declarar deserto o premio, será inapelable.

A entrega do IV Premio Laudamuco terá lugar o 16 de maio de 2024, no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 45 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.

Nas súas cinco primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Vicente Piñeiro por “Devólvenos a Xermánico” (2023); a teense Paula Carballeira Cabana por “Dentes de coello” (2022); o ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021); no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020); e no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019).